27 de maio de 2008 FERROL DIARIO DIGITAL (27 de maio de 2008) O canoísta infantil da entidade eumesa ratificou que é o mellor especialista da súa idade en Galicia cunha primeira posición que, ademais, conseguiu cun grande tempo, case un minuto inferior ao padexeiro que ocupou a segunda posición. Casás non só destaca no plano autonómico, senón que este ano xa sabe o que é ser medallista nacional. Nesta oportunidade non foi o único competidor do Firrete que se subiu ao podium, posto que o seu compañeiro Gonzalo López Allegue obtivo a prata no cadro infantil B de kaiak individual, por certo un dos máis numerosos. López Allegue protagonizou unha gran regata e quedou a só catro segundos da medalla de ouro. Entre os restantes resultados individuais cabe destacar a cuarta praza de Jorge Lage en K-1 infantil A, outra das categorías con maior número de participantes. Lage estivo moi preto de situarse nas medallas, concretamente a catro segundos do bronce e a oito da prata. O Firrete, pola súa banda, clasificouse en segunda posición na táboa por equipos deste Grande Premio de promoción, con máis de 3.000 puntos -só dúas formacións superaron ese ranking- e apuntala as súas opcións de podium ao rematar o calendario dos infantís.
|





