21 de agosto de 2008 ![]() A grande proxección que alcanzou esta tempada o padexeiro do Náutico Firrete de Pontedeume Miguel Soro viuse ratificada cunha segunda convocatoria da selección española de piragüismo, neste caso para participar no Campionato do Mundo da especialidade de maratón. Soro xa participou con España na proba da Copa do Mundo que tivo como escenario o veciño Portugal o pasado mes de xullo e o fixo cunha excelente segunda posición e compartindo podium con outros dous galegos, Juan Bayón e Miguel Salgado. Estas credenciais permitíronlle ser convocado pola Federación esta semana para participar nunha cita de control interno que debía decidir o equipo que se desprazará á República Checa o próximo mes de setembro para participar no cadro junior do Campionato do Mundo de maratón. O test tivo lugar na localidade de Zamora, coa participación dos canoístas chegados de distintos puntos do país en busca das dúas prazas que daban acceso ao combinado nacional. A proba tivo dous dominadores claros, que son os que finalmente recibiron a confirmación da súa nova internacionalidade, sendo ambos os dous, de novo, padexeiros galegos. Miguel Salgado -Ás Torres de Catoira- e Miguel Soro -Náutico Firrete-, deixaron clara dende case o inicio do control a súa superioridade sobre o resto de competidores, aos que remataron deixando a máis dun minuto e medio despois de rematar o percorrido establecido. Polo que se refire á competición entre eles, mantívose case ata o final, levándose nesta oportunidade o triunfo Salgado -Soro vencéralle en Portugal-, con só catro segundos de vantaxe sobre o de Pontedeume. A proba na que participará o deportista de Ferrolterra terá lugar na República Checa o fin de semana do 20 e 21 de setembro e trátase do Campionato do Mundo senior e junior da disciplina de maratón, a máis esixente do piragüismo na que as distancias a percorrer roldan entre os 10 e os 17 quilómetros.
|






