D. Jacinto Regueira Alonso
O día 8 de outubro de 2002 falecía na cidade da Coruña D. Jacinto Regueira Alonso. Quen fora Mestre Nacional e persoa fortemente vinculada ao piragüismo cruzaba a súa derradeira liña de meta, tras unha carreira exitosa.
Encontrouse co piragüismo no Club Fluvial de Lugo onde quedou engaiolado pola maxia da piragua.
A Federación Española de Piragüismo, creada en 1959, noméao tres anos despois vocal do Comité Técnico de Ascensos e Travesías.
Foi Presidente da Federación Lucense de Piragüismo e en 1964 asume as funcións de presidente da Federación Galega de Piragüismo, organismo rexional que naqueles tempos dependía da Federación Española de Piragüismo. Creou e presidiu o Comité Nacional de Árbitros da F.E.P. o 25 de novembro de 1963.
En xaneiro de 1966 dirixiu o I Curso de Árbitros Cronometradores de Piragüismo. En 1973 conseguiu o título de árbitro internacional de piragüismo en Tampere, Finlandia, actuando en probas internacionais, en campionatos do mundo e xogos olímpicos. En 1978 cando se crea a Federación Galega de Piragüismo, e nomeado por unanimidade Presidente de Honor da mesma. O 28 de febreiro de 1982 foi aclamado como membro de honor da Asemblea Xeral da F.E.P.
Tamén se lle outorgou o diploma do Comité Olímpico Internacional en recoñecemento á súa tarefa en beneficio do desenvolvemento do deporte.
Don Jacinto Regueira Alonso, home de puntualidade inglesa, co cronómetro e o regulamento por bandeira, de gran personalidade, capacidade de traballo e entrega ao mundo da piragua, deporte que o apaixonaba, marcou toda una traxectoria no noso deporte durante preto de 40 anos.
No seu labor arbitral, estivo presente na primeira "Baixada do Eume" e en moitas outras edicións, brindando sempre o seu apoio e sabedoría aos organizadores.
O xuíz-arbitro internacional que puntualmente acudía a Pontedeume, só faltaba á súa cita cando se encontraba no estranxeiro facendo labores de arbitraxe.
Os eumeses e eumesas que tanto temos gozado deste deporte queremos darlle as grazas a quen fora tamén Presidente de Honra do noso Club, e amosar a nosa gratitude a quen foi o gran culpábel de que a Pontedeume chegase esa K-2 na que o piragüismo eumés se bautizou.
Agradezo a colaboración prestada por Jesús Rodríguez Inclán (secretario xeral da RFEP), Pedro Cuesta García, Jose A. Fernández Marzán ("Mus") e Angel Villar ("Chilares"), quen me facilitaron os datos sobre a biografía de D. Jacinto.
Os datos da participación na 1ª baixada tíranse dun artigo publicado polo propio D. Jacinto Regueira Alonso na revista conmemorativa da 25 edición da "Baixada do Eume".
Todo o relacionado coa orixe do club eumés se entresaca de distintas conversas que mantiven con xente que viviu a orixe e desenvolvemento do club en primeira persoa, Jesús Fornos Ríos (1º presidente do Club) e Julio Garbana Barro (compoñente da primeira Xunta Directiva, presidente e entrañábel adestrador).
Ramiro Piñeiro Oliveira
Presidente do Club Náutico Firrete




